16 octubre 2009

De la a.vv.caranza. noticia da guarderia de caranza

Xunta e Concello abren o prazo de inscrición na escola infantil de Caranza
O proceso de matriculación para acceder a unha das 41 prazas de 0 a 3 anos de idade que a partir do vindeiro ano ofertará a escola infantil da Caranza xa ten datas. Así, desde hoxe e ata o 30 de outubro, todas as familias interesadas poderán inscribirse nas instalacións do Edificio Social do Concello de Ferrol, ubicado na rúa Sánchez Barcáiztegui, números 37-45, en horario de 08.30 a 15.00 horas, se ben se está estudando a posibilidade de abrir tamén polas tardes, segundo se informou onte desde o consistorio municipal.

A listaxe provisional de admitidos e excluidos publicarase o 6 de novembro, para a continuación abrirse un prazo de reclamación de 10 días hábiles contados desde o día seguinte da súa publicación. Outra data a ter en conta é a do 27 de novembro, día no que se dará a coñecer a listaxe definitiva de admitidos e excluídos tanto no taboleiro de anuncios do Concello de Ferrol como no do Consorcio Galego, así como na páxina web deste último departamento (www.igualdadebenestar.org).

Matrícula > O seguinte paso será xa a apertura do prazo de matrícula, que comprenderá do 30 de novembro ao 15 de decembro. De non formalizarse a mesma neste periodo, decaerá o dereito á praza aínda tendo feita a preinscrición ou aparecendo na listaxe de admitidos.

Logo de que fora imposible abrir a escola infantil ubicada nas inmediacións do CEIP Manuel Masdías de Caranza co inicio do presente curso escolar debido, segundo explicou no seu momento o Consorcio Galego, á falta de consignación orzamentaria ao non deixar o anterior bipartito reserva de crédito para o proxecto, está previsto que o centro abra no primeiro trimestre do ano que vén. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social do Concello de Ferrol, Beatriz Sestayo, anunciou onte que o goberno municipal fará todo o que estea da súa parte para cumprir co compromiso de abrilo á volta das vacacións do Nadal, xa que o interese do executivo ferrolán é a “prestación de servizos públicos de calidade para a cidadanía ferrolá e a implantación de todos aqueles que favorezan a necesaria conciliación da vida laboral e familiar en particular”, comentou.

A escola infantil de Caranza está ubicada no edificio que no seu día formou parte do CEIP Manuel Masdías, centro que hai anos accedeu á desafectación dada a intención que había de crear alí unha gardería. Xa en mans do Concello ferrolán, as instalacións foron cedidas á Xunta para a posta en marcha dun servizo que, tras demorarse moito no tempo e xerar as protestas de moitas familias, grupos políticos e entidades sociais, semella ter cada vez máis preto a súa posta en marcha.

O pasado mes de agosto, aprobábase o convenio de colaboración que rexirá o funcionamento do centro, do que o Concello de Ferrol se fará cargo do 30% do custe total, correspondendo todo o demais ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, dependente da Consellería de Traballo e Benestar.

A escola oferta un total de 41 prazas de 0 a 3 anos distribuidas en tres unidades.

No hay comentarios: