05 marzo 2009

DEZ DE MARZO NA LEMBRANZA


MANUEL MERA
O 10 de marzo de 1972 nun primeiro ataque a policía botou tiros ao ar. Os traballadores con moito coraxe responderon guindando pedras e avanzaron cara os coches dos “grises”’ e eles encetaron a disparar a media altura. Daniel Niebla e Amador Rei caeron feridos de morte. Deste xeito reprimía a policía a manifestación de operarios da Bazán en Ferrol que, despois de atopar pechadas as portas da empresa, diríxense primeiro ao centro da cidade, e despois camiñar ate a ponte de As Pías, a fin de converxer cunha manifestación que esperaban dos obreiros de Astano. Un barco de guerra foi colocado apuntando os canóns contra a ponte para evitar o paso dos obreiros de Astano de Fene a Ferrol. A altura das Casas Baratas a protesta de Bazán foi truncada polos “grises”.

O conflito comezou cando os traballadores do estaleiro ferrolán pediron un convenio provincial, á marxe do de Cartaxena e San Fernando, en Cádiz. Diante da falta dunha resposta afirmativa fanse varias asembleas e paros. A primeiros de marzo os outros estaleiros asinan o convenio colectivo, polo que as protestas aumentan en Ferrol. O nove de marzo a direción de Bazán suspende de emprego e soldo a dous vocais xurados e catro enlaces, polo que o persoal concentrase diante da direción (daquela a empresa tiña 5.487 traballadores). As cinco e cuarto entra a policía en Bazán e desaloxa cunha violenta carga aos operarios, que fan dúas mobilizacións polo centro da cidade.

Ademais dos dous mortos, hai ese día 15 feridos graves e outros tantos feridos leves. Os detidos serán moreas, especialmente sindicalistas de Bazán e Astano, porén tamén doutras actividades, e mesmo profesores e estudantes. Como resposta axiña a folga estendese pola cidade, así como á Coruña, e especialmente a Vigo, e tamén entre os estudantes en Compostela.


(Diario de ferrol)

No hay comentarios: