- César Casal (LA VOZ)
-¿A maior preocupación da xente é o paro?
-É a cara real da crise. Non é a Bolsa nin as entidades financeiras. Son os cidadáns os que sofren e hai moitas cousas que cambiar.
-¿Cal é a súa receita?
-O BNG sempre defendeu os sectores produtivos de Galicia. Non é fácil, pero no sector naval temos posibilidades. E hai que potenciar un grupo lácteo galego e explotar as nosas capacidades enerxéticas. Tamén crear un Instituto de Crédito de Galicia, que impulse as boas iniciativas.
-Mire o que pasa en Vigo coa automoción.
-Temos que axudar aos que están no paro e aos que xa están mesmo sen prestacións. Os desempregados galegos cobran menos que no resto de España. Propomos un complemento autonómico que afectaría a máis de 60.000 parados.
-¿Cantas chaves de pisos de protección oficial entregou nesta lexislatura a Consellería de Vivenda que dirixe o BNG?
-A conselleira non é moi amiga da cerimonia de entrega de chaves. Mesmo ten fuxido do acto en si, que é pouco recomendable. Pero o BNG puxo en marcha máis de 33.000 vivendas de protección ou actuacións de rehabilitación.
-¿Cantos parques industriais inaugurou? ¿Cantas hectáreas novas de solo industrial se abriron na lexislatura?
-Xestionamos en tres anos moito máis que o PP en 16. E ademais onde había demanda e non como o PP, con criterios localistas, que non serviron para nada e, en ocasións, con alegalidade.
-Pero o cidadán que traballa en polígonos vive nun atasco.
-Os nosos parques só se farán ben planificados e en sitios con conexión a vías de alta capacidade e servizos tecnolóxicos.
-Fala de alegalidade. ¿Que lle parece que a xunta de persoal se pronuncie contra a oposición de temario reducido para o Consorcio do Benestar?
-Non hai ningunha alegalidade. Estamos a pór en marcha algo moi importante para o país. Imos chegar a 1.600 postos no 2009 cun concurso oposición que cumpre todas as normativas, sancionado polos tribunais e co que están de acordo concellos de todas as cores e a representación sindical do Consorcio. Eu respondo pola profesionalidade e o mérito de todas as persoas que traballan no Sistema Galego de Benestar.
-Pero non cumpre os principios de mérito, igualdade e...
-[Interrompe] O modelo de oposición cumpre todos os requisitos. Non se pode inventar un concurso oposición. É como todos: libre, universal e transparente. É normal que se valore que a persoa teña experiencia nese tipo de traballo.
-Hai críticas tamén contra contratacións en Medio Rural.
-Todas as Administracións do Estado teñen empresas públicas para determinados traballos. Parece que cando se crea unha empresa galega en vez de estatal é cando se pon todo o acento sobre ela. É inxusto.
-E que sesenta persoas sexan do mesmo concello, ¿non é estraño?
-Non teño coñecemento desa circunstancia. En calquera caso o sistema de contratación está á vista de todo o mundo.
-Cando hai xente que non pode pagar a hipoteca, ¿que opinión lle merece que o seu socio de Goberno faga un gasto extraordinario en decoración?
-Son unhas reformas da Consellería de Presidencia. E estou seguro que se fixo correctamente. Do contrario, seguro que o rectifican de inmediato.
-O PP criticou...
-O PP utiliza a demagoxia, e nós, a transparencia. O seu obxectivo é desmobilizar á xente, que non vaian votar. Contra a demagoxia, o mellor medicamento é a transparencia.
-¿Hai muíños na Rede Natura e no Camiño de Santiago, como sinalou a súa propia conselleira?
-Non teño coñecemento do emprazamento exacto. O concurso eólico foi transparente. E a resolución significa para Galicia un investimento de máis 1.000 millóns de euros e máis de 8.000 postos de traballo. Concesións eólicas que por primeira vez reportarán o 14% aos galegos.
-Non ten dúbidas sobre o fallo.
-Hai un procedemento en marcha e todo terase que executar dentro da legalidade vixente.
-A decisión final terana Touriño e o Consello da Xunta.
-Creo que non é o momento e eu non alimentarei a polémica sobre algo tan importante como o eólico. Estamos nun Estado de dereito, con todo regulado, e non merece a pena polemizar máis sobre iso.
No hay comentarios:
Publicar un comentario